A canteira

Información sobre a zona

Na actualidade, Galicia conta tamén con dúas das rehabilitacións mineiras máis importantes de Europa polo seu volume, impacto social e transcendencia ambiental retornando antigas minas e canteiras á sociedade e ao medio ambiente. Despois de contar cunha das canteiras máis importantes do mundo, Porriño está a levar a cabo a restauración dunha das súas canteiras: a de Vilafría en Atios. E ademais, decidiron tamén enchela de música e visuais para ocupar de novo e dotar de cultura espazos que outrora tiñan outro uso. A música, as proxeccións e as montaxes escénicas faranse nesta ocasión máis visibles en novos escenarios e o escollido é esta Canteira de Vilafría, tan representativa da identidade do pobo da zona na que se celebra.

Concello de Tokio

En 1991 terminouse o complexo do Goberno Metropolitano de Tokio, do arquitecto Kenzo Tange. É un conxunto de edificios no que destacan dúas impoñentes torres de 243 metros de altura nas que se empregou granito Rosa Porriño en forma de placas para o seu revestimento, xunto a outros granitos asiáticos doutras tonalidades.

Parlamento Europeo - Bruxelas

A sede do lexislativo da Unión Europea conta con elementos construtivos extraídos das canteiras galegas. O granito Rosa Porriño do Europarlamento está incorporado en elementos construtivos de zonas exteriores e interiores desde a súa ampliación en 2008. Varias empresas do Clúster do Granito subministaron o material á construtora.

Museo Guggenheim – Bilbao

A contorna urbana e os accesos ao Museo Guggenheim de Bilbao contan con laxas de granito Rosa Porriño. A obra de Frank Gehry é unha das máis importantes da arte contemporánea en España e foi inaugurada en 1997.

Back to top